MANIFESTO CONCENTRACIÓN 14 DE AGOSTO DE 2014

Cando en decembro do 2013 a xunta proxectou un hotel no castelo La Voz de Galicia titulaba: ‘a xunta proxecta un hotel a 500 metros do Parador de Verín, que non ten clientela’ (18 de decembro do 2013).
Así xustificaba a Axencia de Turismo de Galicia o proxecto hostaleiro no prego das prescricións técnicas: «Estúdase a viabilidade de adecuar o interior das edificacións, obxecto da intervención, a uso hoteleiro, coa finalidade de que se facilite a estadía e pernoctación ós numerosos turistas que acoden á fortaleza, compre a contratación dun proxecto que adecúe para uso hoteleiro a rehabilitación definida no contrato asignado con Dragados S.A.».
E aquí xorde a primeira pregunta sen resposta a día de hoxe: por que se cambia o proxecto de rehabilitación inicial polo uso hostaleiro só uns días despois de comezados os traballos, sen anuncialo antes? Como mínimo estamos ante a imposición dun capricho, improvisado ou froito da ocorrencia dalgunha persoa con poder. Por suposto que nos oporiamos igual ao proxecto hostaleiro, pero, que é o que se agocha detrás desa maneira chapuceira e escura de levalo a cabo?
Mesmo houbo quen se enfadou e sorprendeu co novo uso lucrativo para o edificio:
‘O rexedor de Monterrei, José Luis Suárez (PP), mostrábase onte enfadado coa noticia, que indicou coñecela pola súa publicación no BOP.
Subliñaba que el non tivo nada que ver coa decisión da Axencia de Turismo de Galicia de buscar ao enclave outro uso que non sexa o meramente cultural. A necesidade de rehabilitar o castelo para evitar a deterioración do BIC foi unha petición continua do rexedor, pero para o seu uso cultura e co fin de manter o puntal patrimonial do concello.
Apuntaba, ademais, á realidade da comarca, recordando que a poucos metros do Castelo de Monterrei atópase un parador pechado temporalmente pola falta de turistas. Pola súa banda, o alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, mostrábase onte sorprendido pola posibilidade do uso hostaleiro do Castelo.’ (La Voz de Galicia, 19 de decembro do 2013)
Comezaron co proxecto sen informar e contra a propia opinión dos alcaldes da comarca, do seu propio partido. O alcalde de Monterrei, xa no mes de febreiro seguía declarándose en contra do proxecto cando os técnicos do Concello visitaron as obras para ‘esclarecer si la fortaleza esta siendo rehabilitada con el objetivo de destinarla a usos hoteleros, convertirla en una hospedería de lujo, iniciativa a la que se opone José Luis Suárez Conde, al entender que el uso que debe tener todo el conjunto debe ser cultural.
“Se puede abrir una cafetería, pero no destinar todo el conjunto histórico a un hotel”, apuntó’ (La Región, 16-2-2014)
Por fin, o 20 de febreiro chegou Feijóo, principal responsable da desfeita, anunciando a mala nova: o hotel no castelo sería de Paradores, trasladando alí o actual, e destinando o antigo a un operador privado. Segundo el, isto aumentaría a oferta turística, contribuiría a manter os empregos do actual Parador e serviría de revulsivo para a economía da comarca.
Pois mira que tardaron anos en decatarse: se un hotel está a piques de pechar por falta de clientela, a solución é facer outro a seu carón para, sen ningunha outra actuación, atraer máis usuarios. O actual Parador pasaría, segundo o Presidente, a un operador privado. A nós estas argumentacións parécennos un insulto á intelixencia dos cidadáns.
E a partir de aquí todas as autoridades do PP pecharon filas. Seguiuse sen cambiar o contrato de cesión do Estado á Xunta que impedía o uso lucrativo do castelo, pero xa se foron dando permisos de Patrimonio e do Concello de Monterrei para as obras do hotel. E sospeitamos que aínda que non podía facerse legalmente, a empresa adxudicataria foi preparando o monumento para dito fin.
A Plataforma denunciou os estragos ocasionados no monumento, e o delegado da Xunta na provincia de Ourense, un exemplo de cargo público honrado!!!, acusou á Plataforma de ter falsificado as fotos que probaban os danos. O xulgado admitiu a trámite a denuncia.
A chapuza continuou coa orixe dos fondos utilizados para as obras. A pesar do que puña no cartel das obras, a Xunta negou o uso de fondos FEDER da UE para financialas, xa que só poderían utilizarse con fins culturais. Ao facer pública a Plataforma esta irregularidade desbotaron os fondos europeos e usaron fondos da Xunta.
E para rematar con esta sucesión de despropósitos non cambiaron o contrato de cesión co Estado, senón que, nunha manobra tramposa, pouco acorde cos principios legais, o Goberno do Estado, ampliou as condicións, permitindo o uso hostaleiro. En vez de adaptar a obra á legalidade e normativa vixente, procederon ao revés, decidiron construír o hotel e sen ningún tipo de escrúpulo foron rozando o camiño para conseguilo. Mesmo temos a impresión de que fomos nós, coas nosas denuncias, quen lles sinalou a ruta.
A día de hoxe seguimos sen saber cales son os datos obxectivos que xustifican o espolio porque as únicas explicacións que recibimos das autoridades son falsas e absurdas: que contribúe a enriquecer a comarca, que o castelo vai ser visitable no 81% da súa superficie (con malicia inclúen nesta medición toda a superficie amurallada) e que así o castelo vai estar coidado.
Nós pensamos que o castelo é a maior riqueza da comarca, non só cultural, senón tamén económica. Que é responsabilidade das autoridades conservalo e poñelo en valor, aínda que eles parece que acaban de chegar onte ao poder. Se hai diñeiro para o hotel, porque non o hai para rehabilitalo como patrimonio común?
Ao igual que acontece en moitos outros castelos e monumentos do Estado, cun plan director rigoroso, cos medios necesarios e cuns políticos competentes, defensores dos intereses da cidadanía, o castelo de Monterrei, a principal fortaleza de Galicia e unha das máis valiosas de España, sería un reclamo turístico de primeira orde, o motor do sector nunha comarca que conta con outros moitos atractivos para os visitantes.
Rehabilitar e acondicionar o castelo e o seu entorno privilexiado, difundir a súa existencia e importancia (que moita xente descoñece), fomentar a recuperación das casas da antiga aldea, permitindo aquí si o uso hostaleiro, desenvolver un plan de actividades lúdicas e culturais no recinto son as ferramentas apropiadas para poñelo en valor, para facelo rendible, e mesmo para manter o emprego e a actividade no actual Parador.
Se cren que é tan importante aumentar o número de prazas hoteleiras de luxo, por que non se reforma o actual Parador, ou se acondicionan os balnearios abandonados, como Cabreiroá, Requeixo ou Caldeliñas?
Para nós o luxo, o auténtico luxo, é ter un castelo coma este, símbolo paisaxístico e sentimental de todos nós, dos habitantes de Monterrei, orgullosos de poder amosarlle a quen nos visita esta xoia. Porque, quen prefire visitar un hotel a un castelo? Só os desleigados, os ignorantes e os escuros sen identidade, sen raíces. O hotel, ademais dun atentado contra o patrimonio cultural, non ten ningún futuro como negocio.

Porque somos conscientes da nosa identidade, porque consideramos que hai valores fundamentais por riba do mercantilismo contable, porque pensamos que o acceso público ao patrimonio herdado é un dereito dos cidadáns e cidadás, en igualdade de condicións, e por que estamos fartos de que os que mandan usen no seu propio beneficio os bens comúns, formamos a Plataforma.
Son moitas as actuacións que desenvolvimos desde que nos constituímos como Plataforma cidadá: recollemos máis de 8.000 sinaturas na rede e na rúa en contra do hotel, temos anotadas 4.470 persoas na páxina da Plataforma no Facebook, enviamos constantes notas e artigos aos medios de comunicación, buscamos e conseguimos o apoio de ducias de persoeiros do mundo da cultura ou do espectáculo, mandamos decenas de cartas aos xornais, denunciamos os atentados contra o Patrimonio no xulgado e nos medios de comunicación, enviamos cartas aos alcaldes da comarca e aos valedores do pobo de Galicia, España e a UE…
Tamén nos reunimos con todos os grupos parlamentarios, e contamos co apoio de todos os grupos da oposición. Convocamos unha manifestación en Verín cunha asistencia masiva de case 1.000 persoas, levamos a problemática á Santiago onde fixemos unha concentración na Praza de Praterías, protestamos diante do presidente da Xunta no mitin do PP en Verín nas eleccións europeas.
Hai un mes, o 12 de xullo, fomos quen de organizar só cos nosos propios medios unha romaría no entorno do castelo, amosando que outros usos son posibles, que rematou cun emocionado abrazo ao castelo de centos de veciños.
Neste mes de agosto, nas feiras, montamos unha mesa informativa para darlle a coñecer a problemática aos visitantes (o castelo tamén é seu), entregámoslle unha carta ao presidente da Xunta e apupamos a el e as outras autoridades na inauguración da Feira do Viño (co lamentable nomeamento como Cofrade da responsable do organismo que impulsa o hotel, a Axencia de Turismo, por parte do Consello Regulador. Que intereses defende?).
Convocamos esta concentración para denunciar o espolio, o roubo, porque se a propiedade privada é sagrada, máis o debería ser a propiedade colectiva. O hotel supón a privatización das dependencias centrais do castelo, ás que teremos o acceso prohibido sen un fin social que o xustifique, aínda que a propiedade xuridicamente siga sendo do Estado. Todos os cidadáns temos dereito a gozar e aprender co patrimonio herdado (tamén os responsables do espolio) sen máis límites que a súa propia conservación ou un beneficio social evidente. E tamén consideramos un espolio o uso de fondos públicos para un empresa que só pode beneficiar a uns poucos, cando son tantas as necesidades desta comarca.
A quen beneficia o hotel?
Pero non nos van parar, seguiremos adiante. Temos xa previstas actuacións. A semana que vén, o 22, organizamos en Verín unha conferencia de Francisco Pérez, profesor de Historia Medieval da Universidade de Ourense, sobre o castelo e a comarca.
Mentres teñamos folgos e forzas, e de momento aínda nos quedan abundantes reservas, seguiremos recordándolle aos que mandan que o castelo non é seu, no é a súa finca. Non é a súa propiedade privada como se reflicte na sentenza que condenou a Baltar. Imos seguir protestando na rúa, imos denunciar as trampas legais e imos seguir reclamando o que é noso, de todas e todos. Imos seguir defendendo o castelo e queremos que o saiban, que non lles temos medo.
Defendemos unha causa xusta, defendemos o ben común sen ningún tipo de interese particular nin partidista. Somos folclóricas, como nos chamou o sobrevalorado alcalde de Verín, pero sobre todo somos cidadáns e cidadás conscientes dos nosos dereitos, orgullosos e contentos do traballo feito, sen nada que reprocharnos porque estamos dando o que temos e máis, sen nada que ocultar, sen hipotecas con ninguén, sen deixarnos vencer pola preguiza, nin deixarnos seducir por escusas que nos paralicen. Somos políticos, porque somos humanos, e continuaremos defendendo o que consideramos mellor para os habitantes da polis, os cidadáns.
E porque non dicilo, somos gañadores, porque nesta loita estamos enriquecéndonos tamén como persoas, capaces de organizar ámbitos de confraternización, diálogo e reivindicación. Nós estamos aquí e iso non nolo pode quitar ninguén, nin hoxe nin nunca. O tempo porá a cada un no seu lugar pero si de algo poderemos presumir sempre é da dignidade do berro:

NON AO ESPOLIO DO CASTELO DE MONTERREI,
NON DEIXES QUE CHE ROUBEN O QUE TAMÉN É TEU

EU NON QUERO HOTEL NO CASTELO!!!

cartel concentración

Anuncios
Esta entrada fue publicada en Sin categoría. Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s