O ACTO DE APOIO POLÍTICO AO USO CULTURAL DO CASTELO NA PRENSA

prazalaregionelpaisgconfidencialavoz_despoisVoz portadaFaroFaro portada

Foto grupos políticos
Anuncios
Publicado en Sin categoría | 1 Comentario

ACTO DE APOIO POLÍTICO AO USO CULTURAL DO CASTELO DE MONTERREI

SÁBADO 21 de MARZO ás 12 horas, a Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei organiza un acto de apoio político ao uso cultural do Castelo no cruceiro da fortaleza.

Participarán deputados/as, dirixentes e militantes locais das formacións políticas: PSdeG-PSOE, BNG, EU, ANOVA, Ciudadanos, CxG, Podemos e Veciños de Monterrei.

O acto consistirá na sinatura por parte dunha persoa representante de cada organización, dunha declaración de apoio ao uso cultural do Castelo, comprometéndose a recuperalo para dito uso e a poñelo en valor ao servizo da cidadanía.

Remataremos cun paseo polo recinto.

Por suposto, todos os defensores do patrimonio e do Castelo de Monterrei estades convidados.

*Premendo na palabra “declaración” podedes acceder ao documento que van a asinar os distintos partidos.

castelo monterrei

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

2014 UN ANO DE LOITA E REIVINDICACIÓN CIDADÁ POLO CASTELO DE MONTERREI

foto resumen

Defensores e defensoras do Castelo, chegou o momento de facer o balance deste ano de loita dende a Plataforma, e premendo no seguinte enlace: resumo anual plataforma. Veredes dun xeito claro e moi gráfico o que aconteceu no 2014 dende a creación da Plataforma ata hoxe.
Fai un ano que un grupo de persoas, despois de escoitar rumores do que iba a suceder co Castelo de Monterrei ao rematar a suposta rehabilitación do mesmo, decidiron formar a Plataforma para tratar de evitar semellante barbaridade e loitar para que todos poidésemos seguir disfrutando do noso querido Castelo e se lle dese o uso apropiado para un ben de interese cultural, a propia palabra o di “cultural”.
Despois de informar á cidadanía e coñecer a súa indignación, organizáronse as primeiras reunións, empezouse a facer ruido e iso obrigou a os artífices da “maravillosa idea” de convertir o Castelo nun Parador a comparecer para anunciar o que xa era sabido por todos.
E a partir daquí comezan as accións, mobilizacións, búsquesa de apoios, viaxes, investigacións, denuncias, actos…en definitiva,  moito traballo co que se conseguiu que a día de hoxe a problemática sexa coñecida en toda Galicia e incluso a nivel estatal.
Por eso cremos que é necesario facer un repaso de todo o que deu de sí este ano, e sobre todo agradecer a todos e todas os que fixestes posible que a loita chegase a onde chegou, que conseguiramos tantos apoios, que puidésemos xuntar 7000 sinaturas en contra do proxecto hoteleito e sobre todo que fixestes chegar aos que nos governan que non nos imos calar, que queremos que se escoite a opinión da cidadanía e que estamos fartos de sentirnos monicreques deles.
Por todo esto e aínda que eles sigan ca súa teima de convertir o símbolo da nosa Comarca nun simple hotel, nós seguiremos adiante. Seguiremos aprendendo moitísimo da nosa historia e traballando por conservar para todos, o que os nosos antepasados nos deixaron: unha fortaleza con moito significado para os que nacimos e vivimos ao pé dela, un lugar incríble que cremos que todo o mundo debería coñecer e que temos a seguridade que ten
unha alternativa para a súa conservación e a súa posta en valor moito máis digna e interesante que a de acoller un hotel de luxo para o disfrute duns poucos.
Por eso queda moito que facer e necesitamos do vosos apoio. Seguiremos repetindo no 2015 que:

NON QUEREMOS HOTEL NO CASTELO!!!

resumo anual plataforma

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

APOIO DA USC ÁS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA

apoio USC

Imagen | Publicado el por | Deja un comentario

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA INFORMA EN CONTRA DO PARADOR PROXECTADO POLA XUNTA DE GALICIA NO CASTELO DE MONTERREI

A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei recibiu hoxe o Informe remitido polo Consello da Cultura Galega, “Usos do Castelo de Monterrei (Ourense)”, informe solicitado no mes de maio por esta plataforma, entre outros colectivos da Comarca de Monterrei, a este órgano asesor e consultor a nivel de Galicia nos sectores patrimonial e cultural, para que se pronunciase sobre a situación patrimonial e legal do proxecto que se está levando a cabo no castelo por parte do goberno da Xunta de Galicia, para convertilo nun Hotel-Parador de catro estrelas.


O informe elaborado pola Sección de Patrimonio do Consello, no que participaron distintos técnicos especialistas en patrimonio, historiadores, antropólogos, arquitectos, etc, todos de recoñecido prestixio, é moi extenso e con varios anexos documentais.

As conclusións pódense resumir nos seguintes puntos:
1- O Castelo de Monterrei non está ben categorizado, clasificado ou catalogado. Debería catalogarse como Conxunto Histórico. Proposta do CCG: Establecer cal é a figura de protección máis adecuada para este Castelo e o conxunto onde se localiza e levala a cabo.
2- “O proxecto de intervención no castelo debería redactarse, revisarse neste caso, dende as cautelas, orientacións e consideracións propostas por os informes sectoriais pre-proxectuais (Plan Especial e Plan Director)”
3- “Cremos que debe revisarse o destino para un uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo dado que xa existe un edificio destinado a este uso a 400 metros do mesmo e que ten problemas de sostemento. Desde o noso punto de vista, talvez sería máis atinado facer un plan de viabilidade do parador xa existente, adaptalo ás novas necesidades do turismo, elaborar ou rematar un Plan Director do Castelo que contemple uns detallados estudos previos e que incida no seu papel como elemento dinamizador da comarca, incentivo turístico-cultural e complemento do espazo hoteleiro.”
4- “Entendemos que o Castelo de Monterrei é un exemplo máis do importante arraigamento que se dá a miúdo entre a cidadanía e o seu patrimonio, do que ela é depositaria e co que ten uns importantes lazos de identidade.”
5- “Por último, propoñemos que, antes de continuar as obras no sentido do proxecto reformado, sería oportuno ter en conta as consideracións deste informe. Neste sentido, o Consello de Cultura Galega, como ten feito noutras ocasións, está aberto á realización de “conferencias de consenso”, orientadas á procura da converxencia e síntese dos diferentes criterios e valoracións que este “debate público” reportou aos procesos culturais de Galicia.”

Premendo aquí podedes consultar o informe completo: 2014_informe-monterrei Consello daCultura

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

COMUNICACIÓN: A LOITA CIDADÁ EN DEFENSA DUN USO PÚBLICO E CULTURAL PARA O CASTELO DE MONTERREI NO CONGRESO: SOPA14

FOTO COMUNICACIÓN SOPA14

 

O pasado 22 de Setembro a Plataforma cidadá pola Defensa do Catelo de Monterrei participou no II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural celebrado en Celanova, coa comunicación titulada: “A loita cidadá en defensa dun uso público e cultural para o Castelo de Monterrei”

Premendo no seguinte enlace podedes acceder a ela: presentacion comuni SOPA14

Publicado en Sin categoría | 1 Comentario

MANIFESTO CONCENTRACIÓN 14 DE AGOSTO DE 2014

Cando en decembro do 2013 a xunta proxectou un hotel no castelo La Voz de Galicia titulaba: ‘a xunta proxecta un hotel a 500 metros do Parador de Verín, que non ten clientela’ (18 de decembro do 2013).
Así xustificaba a Axencia de Turismo de Galicia o proxecto hostaleiro no prego das prescricións técnicas: «Estúdase a viabilidade de adecuar o interior das edificacións, obxecto da intervención, a uso hoteleiro, coa finalidade de que se facilite a estadía e pernoctación ós numerosos turistas que acoden á fortaleza, compre a contratación dun proxecto que adecúe para uso hoteleiro a rehabilitación definida no contrato asignado con Dragados S.A.».
E aquí xorde a primeira pregunta sen resposta a día de hoxe: por que se cambia o proxecto de rehabilitación inicial polo uso hostaleiro só uns días despois de comezados os traballos, sen anuncialo antes? Como mínimo estamos ante a imposición dun capricho, improvisado ou froito da ocorrencia dalgunha persoa con poder. Por suposto que nos oporiamos igual ao proxecto hostaleiro, pero, que é o que se agocha detrás desa maneira chapuceira e escura de levalo a cabo?
Mesmo houbo quen se enfadou e sorprendeu co novo uso lucrativo para o edificio:
‘O rexedor de Monterrei, José Luis Suárez (PP), mostrábase onte enfadado coa noticia, que indicou coñecela pola súa publicación no BOP.
Subliñaba que el non tivo nada que ver coa decisión da Axencia de Turismo de Galicia de buscar ao enclave outro uso que non sexa o meramente cultural. A necesidade de rehabilitar o castelo para evitar a deterioración do BIC foi unha petición continua do rexedor, pero para o seu uso cultura e co fin de manter o puntal patrimonial do concello.
Apuntaba, ademais, á realidade da comarca, recordando que a poucos metros do Castelo de Monterrei atópase un parador pechado temporalmente pola falta de turistas. Pola súa banda, o alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, mostrábase onte sorprendido pola posibilidade do uso hostaleiro do Castelo.’ (La Voz de Galicia, 19 de decembro do 2013)
Comezaron co proxecto sen informar e contra a propia opinión dos alcaldes da comarca, do seu propio partido. O alcalde de Monterrei, xa no mes de febreiro seguía declarándose en contra do proxecto cando os técnicos do Concello visitaron as obras para ‘esclarecer si la fortaleza esta siendo rehabilitada con el objetivo de destinarla a usos hoteleros, convertirla en una hospedería de lujo, iniciativa a la que se opone José Luis Suárez Conde, al entender que el uso que debe tener todo el conjunto debe ser cultural.
“Se puede abrir una cafetería, pero no destinar todo el conjunto histórico a un hotel”, apuntó’ (La Región, 16-2-2014)
Por fin, o 20 de febreiro chegou Feijóo, principal responsable da desfeita, anunciando a mala nova: o hotel no castelo sería de Paradores, trasladando alí o actual, e destinando o antigo a un operador privado. Segundo el, isto aumentaría a oferta turística, contribuiría a manter os empregos do actual Parador e serviría de revulsivo para a economía da comarca.
Pois mira que tardaron anos en decatarse: se un hotel está a piques de pechar por falta de clientela, a solución é facer outro a seu carón para, sen ningunha outra actuación, atraer máis usuarios. O actual Parador pasaría, segundo o Presidente, a un operador privado. A nós estas argumentacións parécennos un insulto á intelixencia dos cidadáns.
E a partir de aquí todas as autoridades do PP pecharon filas. Seguiuse sen cambiar o contrato de cesión do Estado á Xunta que impedía o uso lucrativo do castelo, pero xa se foron dando permisos de Patrimonio e do Concello de Monterrei para as obras do hotel. E sospeitamos que aínda que non podía facerse legalmente, a empresa adxudicataria foi preparando o monumento para dito fin.
A Plataforma denunciou os estragos ocasionados no monumento, e o delegado da Xunta na provincia de Ourense, un exemplo de cargo público honrado!!!, acusou á Plataforma de ter falsificado as fotos que probaban os danos. O xulgado admitiu a trámite a denuncia.
A chapuza continuou coa orixe dos fondos utilizados para as obras. A pesar do que puña no cartel das obras, a Xunta negou o uso de fondos FEDER da UE para financialas, xa que só poderían utilizarse con fins culturais. Ao facer pública a Plataforma esta irregularidade desbotaron os fondos europeos e usaron fondos da Xunta.
E para rematar con esta sucesión de despropósitos non cambiaron o contrato de cesión co Estado, senón que, nunha manobra tramposa, pouco acorde cos principios legais, o Goberno do Estado, ampliou as condicións, permitindo o uso hostaleiro. En vez de adaptar a obra á legalidade e normativa vixente, procederon ao revés, decidiron construír o hotel e sen ningún tipo de escrúpulo foron rozando o camiño para conseguilo. Mesmo temos a impresión de que fomos nós, coas nosas denuncias, quen lles sinalou a ruta.
A día de hoxe seguimos sen saber cales son os datos obxectivos que xustifican o espolio porque as únicas explicacións que recibimos das autoridades son falsas e absurdas: que contribúe a enriquecer a comarca, que o castelo vai ser visitable no 81% da súa superficie (con malicia inclúen nesta medición toda a superficie amurallada) e que así o castelo vai estar coidado.
Nós pensamos que o castelo é a maior riqueza da comarca, non só cultural, senón tamén económica. Que é responsabilidade das autoridades conservalo e poñelo en valor, aínda que eles parece que acaban de chegar onte ao poder. Se hai diñeiro para o hotel, porque non o hai para rehabilitalo como patrimonio común?
Ao igual que acontece en moitos outros castelos e monumentos do Estado, cun plan director rigoroso, cos medios necesarios e cuns políticos competentes, defensores dos intereses da cidadanía, o castelo de Monterrei, a principal fortaleza de Galicia e unha das máis valiosas de España, sería un reclamo turístico de primeira orde, o motor do sector nunha comarca que conta con outros moitos atractivos para os visitantes.
Rehabilitar e acondicionar o castelo e o seu entorno privilexiado, difundir a súa existencia e importancia (que moita xente descoñece), fomentar a recuperación das casas da antiga aldea, permitindo aquí si o uso hostaleiro, desenvolver un plan de actividades lúdicas e culturais no recinto son as ferramentas apropiadas para poñelo en valor, para facelo rendible, e mesmo para manter o emprego e a actividade no actual Parador.
Se cren que é tan importante aumentar o número de prazas hoteleiras de luxo, por que non se reforma o actual Parador, ou se acondicionan os balnearios abandonados, como Cabreiroá, Requeixo ou Caldeliñas?
Para nós o luxo, o auténtico luxo, é ter un castelo coma este, símbolo paisaxístico e sentimental de todos nós, dos habitantes de Monterrei, orgullosos de poder amosarlle a quen nos visita esta xoia. Porque, quen prefire visitar un hotel a un castelo? Só os desleigados, os ignorantes e os escuros sen identidade, sen raíces. O hotel, ademais dun atentado contra o patrimonio cultural, non ten ningún futuro como negocio.

Porque somos conscientes da nosa identidade, porque consideramos que hai valores fundamentais por riba do mercantilismo contable, porque pensamos que o acceso público ao patrimonio herdado é un dereito dos cidadáns e cidadás, en igualdade de condicións, e por que estamos fartos de que os que mandan usen no seu propio beneficio os bens comúns, formamos a Plataforma.
Son moitas as actuacións que desenvolvimos desde que nos constituímos como Plataforma cidadá: recollemos máis de 8.000 sinaturas na rede e na rúa en contra do hotel, temos anotadas 4.470 persoas na páxina da Plataforma no Facebook, enviamos constantes notas e artigos aos medios de comunicación, buscamos e conseguimos o apoio de ducias de persoeiros do mundo da cultura ou do espectáculo, mandamos decenas de cartas aos xornais, denunciamos os atentados contra o Patrimonio no xulgado e nos medios de comunicación, enviamos cartas aos alcaldes da comarca e aos valedores do pobo de Galicia, España e a UE…
Tamén nos reunimos con todos os grupos parlamentarios, e contamos co apoio de todos os grupos da oposición. Convocamos unha manifestación en Verín cunha asistencia masiva de case 1.000 persoas, levamos a problemática á Santiago onde fixemos unha concentración na Praza de Praterías, protestamos diante do presidente da Xunta no mitin do PP en Verín nas eleccións europeas.
Hai un mes, o 12 de xullo, fomos quen de organizar só cos nosos propios medios unha romaría no entorno do castelo, amosando que outros usos son posibles, que rematou cun emocionado abrazo ao castelo de centos de veciños.
Neste mes de agosto, nas feiras, montamos unha mesa informativa para darlle a coñecer a problemática aos visitantes (o castelo tamén é seu), entregámoslle unha carta ao presidente da Xunta e apupamos a el e as outras autoridades na inauguración da Feira do Viño (co lamentable nomeamento como Cofrade da responsable do organismo que impulsa o hotel, a Axencia de Turismo, por parte do Consello Regulador. Que intereses defende?).
Convocamos esta concentración para denunciar o espolio, o roubo, porque se a propiedade privada é sagrada, máis o debería ser a propiedade colectiva. O hotel supón a privatización das dependencias centrais do castelo, ás que teremos o acceso prohibido sen un fin social que o xustifique, aínda que a propiedade xuridicamente siga sendo do Estado. Todos os cidadáns temos dereito a gozar e aprender co patrimonio herdado (tamén os responsables do espolio) sen máis límites que a súa propia conservación ou un beneficio social evidente. E tamén consideramos un espolio o uso de fondos públicos para un empresa que só pode beneficiar a uns poucos, cando son tantas as necesidades desta comarca.
A quen beneficia o hotel?
Pero non nos van parar, seguiremos adiante. Temos xa previstas actuacións. A semana que vén, o 22, organizamos en Verín unha conferencia de Francisco Pérez, profesor de Historia Medieval da Universidade de Ourense, sobre o castelo e a comarca.
Mentres teñamos folgos e forzas, e de momento aínda nos quedan abundantes reservas, seguiremos recordándolle aos que mandan que o castelo non é seu, no é a súa finca. Non é a súa propiedade privada como se reflicte na sentenza que condenou a Baltar. Imos seguir protestando na rúa, imos denunciar as trampas legais e imos seguir reclamando o que é noso, de todas e todos. Imos seguir defendendo o castelo e queremos que o saiban, que non lles temos medo.
Defendemos unha causa xusta, defendemos o ben común sen ningún tipo de interese particular nin partidista. Somos folclóricas, como nos chamou o sobrevalorado alcalde de Verín, pero sobre todo somos cidadáns e cidadás conscientes dos nosos dereitos, orgullosos e contentos do traballo feito, sen nada que reprocharnos porque estamos dando o que temos e máis, sen nada que ocultar, sen hipotecas con ninguén, sen deixarnos vencer pola preguiza, nin deixarnos seducir por escusas que nos paralicen. Somos políticos, porque somos humanos, e continuaremos defendendo o que consideramos mellor para os habitantes da polis, os cidadáns.
E porque non dicilo, somos gañadores, porque nesta loita estamos enriquecéndonos tamén como persoas, capaces de organizar ámbitos de confraternización, diálogo e reivindicación. Nós estamos aquí e iso non nolo pode quitar ninguén, nin hoxe nin nunca. O tempo porá a cada un no seu lugar pero si de algo poderemos presumir sempre é da dignidade do berro:

NON AO ESPOLIO DO CASTELO DE MONTERREI,
NON DEIXES QUE CHE ROUBEN O QUE TAMÉN É TEU

EU NON QUERO HOTEL NO CASTELO!!!

cartel concentración

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

ROMARÍA DE MONTERREI. ABRAZO Ó CASTELO 12 DE XULIO

cartel romeria

Imagen | Publicado el por | Deja un comentario

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA

Un día importante para a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, entre outras cousas porque ao aceptar todos os grupos parlamentarios de Galicia a nosa petición de reunión, están recoñecendo á Plataforma como interlecutor válido para falar do proxecto que se está levando a cabo no Castelo de Monterrei; aínda que determinados alcades da nosa Comarca se empeñen en desacreditarnos.

ENTRADA PARLAMENTO
Comezou a tarde cunha reunión dalgúns membros da Plataforma cos representantes do grupo parlamentario do PP: Cristina Romero Fernández (deputada e voceira do Grupo Parlamentario Popular en asuntos de Turismo e Comercio) e Carmen Pardo (voceira de Relacións exteriores do Grupo Parlamentario Popular e exsecretaria xeral para o Turismo da Xunta).
A Plataforma formulou as preguntas das que ata o de agora non se obtiveron resposta, centradas sobre todo:
– No tema da cesión por parte do Estado ao que respostaron que actualmente estase tramitando ese cambio de usos para poder executar a obra do hotel, aínda que non responderon en que momento está ese cambio nin que datos obxectivos teñen para solicitar ese cambio (estudo de viabilidade, datos económicos…)
– Nos fondos FEDER , que non nos aclararon si se van a utilizar no Castelo ou se van desviar para outras obras xa que eses fondos non viñan, según Nava Castro, destinados para un proxecto de hotelización senón de rehabilitación.
Insistimos en que a Plataforma está totalmente dacordo ca rehabilitación do Castelo, e en que se poderían levar a cabo moitas outras opcións para poñer en valor o monumento sempre que non se perda o uso público e cultural, xa que aínda que eles insisten en que o 83% da fortaleza vai ser público, os espazos que van ocupar co Parador de Turismo son precisamente os únicos e mais adecuados para musealización e actos culturais… E invitamos á deputada Cristina Romero a coñecer a fortaleza para que puidera comprender mellor do que estabamos a falar.
Pedimos tamén unha reunión ca actual Directora de Turismo de Galiza, Nava Castro, e unha mesa de negociación co grupo de goberno, xa que da maioría das preguntas non obtivemos respostas, remitíndonos directamente ó goberno da Xunta, aos que lles trasladarían todas as cuestións que alí se apuntaron.
Por último puxémonos a súa disposición para dialogar e poder chegar a un entendemento para conseguir o mellor para o noso Castelo.

DESPACHO PP

Seguidamente recibíronnos por parte do Grupo Socialista, os deputados Francisco Caamaño, Raúl Fernández e o voceiro do grupo Jose Luis Méndez Romeu.
Aparte de explicarlles en que punto están as diferentes accións, solicitamos a constitución dunha Comisión de Investigación no Parlamento para que dunha vez se investiguen os procedementos administrativos relacionados coas obras e usos do castelo e se formulen as preguntas pertinentes, para garantir o cumprimento da legalidade despois de non ter obtido respostas por parte dos responsables.
Pola súa parte comprometéronse a seguir en contacto con nós e facer o que esté na súa man para axudarnos a seguir adiante coas accións que debamos levar a cabo.

DSC04837
Por último, reunímonos co Grupo Parlamentario do BNG, ca deputada Tereixa Paz e o voceiro do BNG Francisco Jorquera.
Voltamos a expoñer as nosas principais inquedanzas e solicitámoslles novamente a Comisión de Investigación.
Mostraron a súa vontade de seguir traballando para conseguir respostas e ofreceron a súa colaboración para solicitar documentación que ata agora foi denegada polo grupo de goberno, así como facer chegar o problema a Europa cando se constitúa a nova Eurocámara.
Ademáis con anterioridade á reunión co BNG, asistimos como invitados á intervención en directo de Tereixa Paz no Hemiciclo, e escoitamos tamén as respostas do Vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, que esperamos colgar en canto dispoñamos dos vídeos.
DESPACHO BNG

Quedaron pendentes para outro día as reunións ca deputada do Grupo Mixto Carmen Iglesias e co grupo parlamentario de AGE, que por cuestións de horarios xa non se poideron levar a cabo onte.
Por último dar as grazas a todos os grupos por recibirnos e guiarnos amablemente polo laberinto do Parlamento de Galicia, e transmitir que seguiremos traballando para que non quede ningunha pregunta sin resposta e se cumpla a legalidade en todos e cada un dos puntos do proceso. E para iso, precisamos seguir contando co apoio de todos os membros da Plataforma.
Seguiremos informándovos de todo o que vaia acontecendo.

Grazas!

 

HEMICICLO FOTÓGRAFO

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

A PLATAFORMA NO PARLAMENTO GALEGO!

Aquí tedes a nota de prensa que se enviou aos medios de comunicación para informar de que mañá mércores unha representación da Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei asistirá ao Pleno do Parlamento Galego e reunirase cos grupos parlamentarios para tratar distintos asuntos de interese para a nosa loita:

nota prensa reunion plataforma con grupos no parlamento

Parlamento-reunion-Conferencia-Asambleas-UE_EDIIMA20130707_0133_4

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario