NOTA DE PRENSA DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO CASTELO DE MONTERREI ANTE O PECHE DOS PARADORES

O peche dos paradores de Monterrei demostra que a Plataforma tiña razón cando advertía que o hotel no castelo non só supuña un atentado contra o patrimonio cultural, senón tamén que era un mal negocio. O presidente da Xunta xustificara o proxecto do hotel destacando a súa importancia para conservar os postos de traballo do antigo parador e como elemento dinamizador da economía da comarca, ademais de anunciar que permanecería ‘aberto os 365 días do ano’. A Plataforma sempre considerou que as valoracións de Feijóo carecían dun mínimo rigor e só eran consecuencia da improvisación e a falta dun proxecto serio para a fortaleza.
A escusa das obras nos accesos non se sostén, pois estas non afectan ao parador vello, que tamén pecha. Estas obras, necesarias, amosan a frivolidade con que os responsables políticos teñen actuado en Monterrei. Primeiro o hotel e despois os accesos, e máis de dous anos en obras, sen ningún respecto polo valor cultural e simbólico do monumento. A realidade é que non existe unha demanda turística suficiente na bisbarra. Isto débese en gran medida a falta dunha política turística seria, e non froito das ocorrencias e o capricho das autoridades, que non dubidaron en gastar o diñeiro de todos os galegos nun proxecto sen futuro, que non estaba avalado por ningún estudo socioeconómico rigoroso e obxectivo.
A Plataforma segue a pedir un plan para o castelo no que se teña en conta a opinión dos expertos e dos axentes políticos e sociais. O informe do Consello da Cultura Galega sería un bo punto de partida para dotar de valor ao conxunto da acrópole, converténdoa así nun foco de atracción que permita aumentar os clientes do antigo parador, garantir os postos de traballo no mesmo e incrementar o turismo na bisbarra. Poñer en valor significa pechar o hotel dentro da fortaleza e recuperar o uso público e cultural para o pobo galego, que é quen está pagando cos seus orzamentos as obras que, cos datos na man, non benefician a ninguén.
Agardamos que a Xunta rectifique, dialogue coas institucións e asociacións culturais, e defenda os intereses dos galegos e galegas pondo Monterrei ao servizo da sociedade. Regalarlle o castelo a Paradores supón un malgasto evidente do orzamento público e persitir no erro só traerá máis prexuízos, polos que deberán asumir responsabilidades.

12079058_10205304972404002_316010422847799323_n12298065_10206886879722814_846976240_o

Esta entrada fue publicada en Sin categoría. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario