ASOCIACIÓN CULTURAL MONTERREI, CULTURA E TERRITORIO

12088595_1653592534924384_5409133771955598362_n

A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, intégrase dentro da Asoc. Cultural Monterrei, Cultura e Territorio, que entre outros, ten como obxectivos a defensa, divulgación e investigación do patrimonio da Comarca. Esta asociación tamén lle da cobertura legal e xurídica á Plataforma.
Seguimos coa loita pola defensa do Castelo, recurrindo ante o Tribunal Supremo de Xustiza a sentenza contraria á nosa loita, fallada hai uns días pola Audiencia Nacional.
As costas van ser cuantiosas, e para recadar fondos iniciamos unha campaña de actividades culturais e reivindicativas que vos iremos relatando.
Tamén iniciamos unha campaña de colaboración voluntaria e de afiliación de socios.
Pódense facer aportacións voluntarias e/ou ingresar a cuota anual da Asociación, de 15 euros, poñendo algún dos dous conceptos ademais do voso nome, no caso de asociarvos, no nº de conta:
Caixabank ES71 2100 4148 2721 0044 9154
Non esquezas o teu castelo, colabora con nós!!!

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

NOTA DE PRENSA DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO CASTELO DE MONTERREI SOBRE A SENTENZA DA AUDIENCIA NACIONAL

A Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei despois de recibir a sentenza da Audiencia Nacional con data do 22 de Febreiro de 2016 quere expresar a súa decepción despois da desestimación do recurso interposto contra a decisión dos criterios de cesión do Castelo de Monterrei á Xunta de Galicia. En todo caso, cremos que hai fundamentos legais para recorrer no Tribunal Supremo.

A Sentenza asume como fonte de dereito os documentos aportados pola Administración. Semella que neste caso non hai separación de poderes: as alegacións, en moitos casos só opinións ou declaracións de intencións arbitrarias do executivo, son aceptadas na súa totalidade como realidades, sen ningún fundamento obxectivo. As alegacións dos demandantes, porén, son rexeitadas de maneira taxativa.
A sentenza avala ademais que se modifiquen as normas legais en función da conveniencia conxuntural dos dirixentes políticos, mesmo a posteriori, como ocorreu neste caso: as obras iniciáronse meses antes da orde de ampliación da cesión (12 de xullo de 2014).

Con independencia dos argumentos xurídicos, sorpréndenos e indígnanos especialmente que a sentenza afirme: ‘ni que se haya sacrificado el derecho constitucional de los ciudadanos al acceso a la cultura, más bien al contrario’. É evidente para calquera persoa imparcial que a presenza do hotel limita gravemente o dereito dos cidadáns a gozar plenamente do patrimonio, como ocorría antes, non só porque o palacio e a casa reitoral non se poden visitar, senón tamén porque modifican radicalmente a percepción histórica e monumental da fortaleza. É tamén motivo de indignación e escándalo que se considere legal o hotel porque ‘la actual propuesta de uso residencial público hotelero se aproxima más a su uso primitivo como residencia’, citando na sentenza a resolución da Dirección General de Patrimonio Cultural (4-3-2014). As intervencións patrimoniais teñen que responder ao interese xeral. O criterio mencionado, disparatado, é só un subterfuxio para xustificar o espolio dun ben común.

A Plataforma considera que todas as motivacións que levaron a súa formación seguen vixentes, se cabe con máis razón despois de analizar os fundamentos da sentenza. A construción do hotel é un atentado cultural e unha ruína económica, e aínda non sabemos porque a Xunta empregou o diñeiro público na obra para regalarllo a Paradores mentres o antigo Parador está pechado. As institucións culturais máis importantes de Galicia e o Valedor do Pobo déronnos a razón, e seguimos demandando un Plan Director para Monterrei, que o coide e dinamice o seu uso público e cultural ao servizo de todos os cidadáns. Así beneficiariámonos todos, comezando polos habitantes e a economía da comarca. A quen beneficia o hotel no castelo de Monterrei?

lavoz_270216LaRegion_260216ElPais_260216laVoz_090316

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

NOTA DE PRENSA DA SENTENZA QUE ANULA A LICENZA DE OBRAS CONCEDIDA POLO CONCELLO DE MONTERREI

Monterrei a 5/12/2015
A Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei manifesta a súa
satisfacción pola sentenza que anula a licenza de obras concedida polo
Concello de Monterrei, en maio do 2014, para construír un hotel no castelo
de Monterrei. Consideramos que, ademais de ser unha agresión inxustificable ao Patrimonio cultural, o parador é ilegal. Despois dos informes contrarios ao uso hoteleiro dos principais organismos culturais de Galicia, agora súmaselle unha licenza de obras contraria ‘a dereito’ como recolle o xuíz no seu fallo.Fallo
A resposta da Xunta, por medio dun comunicado, só podemos considerala
manipuladora, obviando o fallo e destacando un aspecto que non era motivo de denuncia, o uso hoteleiro do castelo de Monterrei. Esta forma de actuar (propaganda para enmascarar a verdade),nota_d_prensa_XG non é propio dunha institución democrática que presume de transparencia.
A denuncia presentada no Xulgado de Ourense só se refería á licenza
municipal, mentres que o cambio de uso é o obxecto do recurso que a
Audiencia Nacional xa admitiu a trámite.

Pedímoslle aos medios de comunicación que publicaron o comunicado da Xunta, sen ter contrastado a información, que rectifiquen para ofrecer ao público unha información veraz e imparcial.
Adxuntamos NOTA do noso avogado e unha imaxe do fallo da sentenza

Fallo sentenza

A continuación, o que sacaron sobre esta nova distintos xornais:

Region_Mntn.png

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

MENSAXE DE IRMANDADE E SOLIDARIEDADE COS VECIÑOS DE SOTUTA, YUCATÁN, MÉXICO.

A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei manda unha mensaxe de irmandade e solidariedade aos escolares e veciños de Sotuta, Yucatán, México

Por medio de Beatriz Comendador da GEAAT (Universidade de Vigo), a Plataforma fíxolle chegar aos escolares bachilleres e veciños de Sotuta en Yucatán, unha mensaxe de irmandade e solidariedade con ámbolos dous patrimonios culturais.
En Sotuta está o castelo de Nachi Cocom, un heroe prehispánico maia, que fora cedido para usos públicos e culturais en 1998, pero que agora se cernen sobre el outros intereses, cunha posible conversión en hotel.
O fío conductor das actividades desta xornada sobre o patrimonio cultural de ámbalas duas marxes do Atlántico, foi o cabaliño do petróglifo das Pisadiñas en Laza, que deu un salto dende o monte Lastredo en Laza ata a península do Yucatán para sinalar aqueles lugares cunha nefasta xestión, que é necesario conservar e defender.

Premendo na seguinte ligazón podedes ler a mensaxe completa que se enviou dende a Plataforma: mensaxe-Sotuta-Yucatán-mexico

Os escolares de Sotuta responderon con esta emotiva mensaxe gravada en vídeo para a Plataforma, e debuxos varios, facendo seu o problema do castelo de Monterrei e a súa conversión en Parador, o mesmo que teñen eles co castelo de Nachi Cocom.

Mexico

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

NOTA DE PRENSA DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO CASTELO DE MONTERREI ANTE O PECHE DOS PARADORES

O peche dos paradores de Monterrei demostra que a Plataforma tiña razón cando advertía que o hotel no castelo non só supuña un atentado contra o patrimonio cultural, senón tamén que era un mal negocio. O presidente da Xunta xustificara o proxecto do hotel destacando a súa importancia para conservar os postos de traballo do antigo parador e como elemento dinamizador da economía da comarca, ademais de anunciar que permanecería ‘aberto os 365 días do ano’. A Plataforma sempre considerou que as valoracións de Feijóo carecían dun mínimo rigor e só eran consecuencia da improvisación e a falta dun proxecto serio para a fortaleza.
A escusa das obras nos accesos non se sostén, pois estas non afectan ao parador vello, que tamén pecha. Estas obras, necesarias, amosan a frivolidade con que os responsables políticos teñen actuado en Monterrei. Primeiro o hotel e despois os accesos, e máis de dous anos en obras, sen ningún respecto polo valor cultural e simbólico do monumento. A realidade é que non existe unha demanda turística suficiente na bisbarra. Isto débese en gran medida a falta dunha política turística seria, e non froito das ocorrencias e o capricho das autoridades, que non dubidaron en gastar o diñeiro de todos os galegos nun proxecto sen futuro, que non estaba avalado por ningún estudo socioeconómico rigoroso e obxectivo.
A Plataforma segue a pedir un plan para o castelo no que se teña en conta a opinión dos expertos e dos axentes políticos e sociais. O informe do Consello da Cultura Galega sería un bo punto de partida para dotar de valor ao conxunto da acrópole, converténdoa así nun foco de atracción que permita aumentar os clientes do antigo parador, garantir os postos de traballo no mesmo e incrementar o turismo na bisbarra. Poñer en valor significa pechar o hotel dentro da fortaleza e recuperar o uso público e cultural para o pobo galego, que é quen está pagando cos seus orzamentos as obras que, cos datos na man, non benefician a ninguén.
Agardamos que a Xunta rectifique, dialogue coas institucións e asociacións culturais, e defenda os intereses dos galegos e galegas pondo Monterrei ao servizo da sociedade. Regalarlle o castelo a Paradores supón un malgasto evidente do orzamento público e persitir no erro só traerá máis prexuízos, polos que deberán asumir responsabilidades.

12079058_10205304972404002_316010422847799323_n12298065_10206886879722814_846976240_o

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

CURTA DE ANIMACIÓN SOBRE O HOTEL NO CASTELO FEITA POR UN NENO DE 13 ANOS

A visión dun neno de 13 anos, Manuel G. Amado, sobre o hotel no castelo de Monterrei.
Manuel achéganos esta curta de animación para a plataforma en Defensa do Castelo. A iniciativa súa e totalmente producida por el desde a sua productora infantil Erne.
É emocionante ver como o hotel no castelo ten outros damnificados, que ás veces non temos en conta, os soños rotos dos nenos…o peor dano inflixido á sociedade.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

I ENCONTRO PATRIMONIO CULTURAL E ACCIÓN SOCIAL

O Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais, convidou á Plataforma pola Defensa do Castelo ao I Encontro Patrimonio Cultural e Acción Social destinado a entidades civís vinculadas á defensa, promoción e investigación do patrimonio cultural.
O número de entidades convidadas foi limitado, polo que é unha gran honra para nós que dende o Consello da Cultura quixesen contar coa Plataforma para esta primeira edición.
A xornada celebrouse o 25 de setembro de 16.30h a 20h. en Santiago de Compostela, e alí tivemos un representante que fixo unha exposición explicando a nosa situación e participou nun diálogo sobre os obxectivos, estratexias e disgnoses sobre a relación entre patrimonio, sociedade e institucións.

Premendo aquí: Plataforma-Monterrei-encontro-patrimonio podedes acceder á exposición sobre a Plataforma que presentou o noso representante.

12037999_1639145719696537_4574336698967186753_n12019933_1639145716363204_6189857533476644569_n

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

A ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES TAMÉN REXEITA O HOTEL NO CASTELO DE MONTERREI E CRITICA DE FORMA CONTUNDENTE O RESULTADO DAS OBRAS DE REHABILITACIÓN

NOTA DE PRENSA

A Plataforma en defensa do Castelo de Monterrei, acaba de recibir un informe da Real Academia Galega de Belas Artes (institución consultiva da Administración Pública, en todo o relacionado co estudio, a conservación e a promoción das Belas Artes) titulado “Visita ás obras de Rehabilitación da fortaleza de Monterrei”, visita realizada por unha comisión da Real Academia o pasado 10 de xuño de 2015.

O informe, que rexeita claramente o hotel-parador no castelo, tamén critica de forma moi directa e contundente as obras de Rehabilitación, baseándose na comparación dos resultados analizados “in situ”, coas bases propostas no Concurso de Arquitectura para a Rehabilitación de Monterrei, convocado no ano 2012 pola Axencia Xeral de Turismo da Xunta de Galicia.

A síntese do informe ven a decir:

-. Que as obras xa rematadas incumpren a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia en dous aspectos: non respectan as características especiais do inmoble e non conservan as características volumétricas e espaciais definidoras do inmoble.

-. Que hai “notorias diferencias” entre as bases do concurso e a realidade construída resultante da intervención, non solo de criterio senón en canto ao cambio de uso (previamente uso público e cultural), conservación e intervención, con solucións arquitectónicas “incompatibles ou pouco coherentes co contenedor no que se deben insertar”.

.- Espacio hoteleiro laberíntico e rocambolesco, cunha compartimentación contradictoria e antitética coa espacialidade e coa altura e volumetría existentes.

-. Que as habitacións poden non cumplir cos estándares deste tipo de establecementos, pola sua incomodidade en tamaños….etc

-. Que tamén se bota en falta o previsto axardinamento do entorno circundante.

-. Que se altera de maneira radical a edificación existente, un dos BIC de primeira magnitude de Galicia, “pouco habituais no noso país”.

-. Que se debeu renunciar a “METER CON CALZADOR”, un programa hoteleiro tan complexo en contenedores tan “sensibles e delicados”, e que se fora necesario un novo espazo hoteleiro, debería construirse un novo pabellón nos arredores, o que non esixiría a sua RADICAL PRIVATIZACIÓN.

-. Que a intervención non responde ás intencións orixinais da sua Rehabilitación e non respecta a reglamentación específica para a intervención nun inmoble destas características.

Conclue o informe definindo a opinión da Real Academia de Belas Artes como POUCO ESPERANZADORA E TRANQUILIZADORA, o cal non é obice para facela pública como expresión da vontade integradora e divulgadora que corresponde ao seu cometido institucional de protección do patrimonio.

10989182_626191000920884_930804605677939326_nA nosa valoración do informe desde a Plataforma é moi positiva, xa son catro as institucións galegas mais representativas no ámbito do patrimonio, que rexeitan o hotel no castelo e avalan e apoian as nosas reivindicacións.
Este informe ven ademais a avalar e confirmar as nosas denuncias públicas en redes sociais e medios de comunicación nos últimos días, en canto ao que consideramos unha desastrosa rehabilitación do castelo, que alterou gravemente a sua fisonomía interior e exterior desfigurando non só o edificio senón tamén o seu significado histórico e a sua simboloxía patrimonial e sentimental.
Tamén vemos como a convocatoria do Concurso de Arquitectura para a redacción do Proxecto Básico e de Execución de Rehabilitación de Monterrei, foi un engano que a Xunta de Galicia nos colou a todos os cidadáns e mesmo aos técnicos, posto que os resultados da intervención son diametralmente opostos aos criterios e bases do concurso, tanto na intervención arquitectónica como nos usos que estaban previstos: USO PÚBLICO E CULTURAL COA MUSEALIZACIÓN DA FORTALEZA.

-Premendo na seguinte ligazón podedes consultar o informe completo da Academia de Belas Artes: Informe Academia de Belas Artes

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

NOTA DE PRENSA ENVIADA AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN EN RELACIÓN ÁS OBRAS DO CASTELO

11/06/2015

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei manifesta a súa indignación ante o resultado das obras levadas a cabo no castelo de Monterrei para habilitalo como hotel

A Plataforma, desde antes de comezar as obras, opúxose radicalmente ao cambio de uso do principal elemento patrimonial da comarca de Monterrei. Sempre consideramos que o proxecto é un disparate, un atentado cultural que empobrece á cidadanía e, ademais, sen ningún dato obxectivo que xustifique a súa rendabilidade futura. A nosa opinión é compartida por numerosas institucións culturais galegas, pola gran maioría dos partidos políticos e polos habitantes da comarca, como se reflicte nos resultados das recentes eleccións municipais. Só o PP apoia o hotel no Castelo e aínda non sabemos por que.

E a nosa indignación medrou aínda máis comprobando como as obras se realizaron sen ningún respecto ao monumento, esnaquizando partes importantes do mesmo, e o resultado final, que, en palabras de Ramón García Gómez (profesor de Dereito Civil na Universidade de Salamanca, avogado, especialista e investigador de fortalezas) supón ‘el mayor y más infamante desprecio al Arte y a la Historia’. Tiñamos unha das mellores forlalezas de Galicia e hoxe temos un hotel vulgar, como di García Gómez: ‘una de las mayores catástrofes en la Historia del patrimonio en las últimas décadas’.

A gran alarma social na comarca prodúcese ao ver como se perde a  esencia do Castelo, a sua identificación con él. Son reversibles estas obras (como se anunciaba no proxecto) nas que se alterou gravemente a sua fisonomía, autenticidade, integridade e lectura histórica?

E máis grave aínda é que son as administracións públicas as responsables desta desfeita, incumprindo a súa obriga legal de protección do patrimonio cultural de Galicia.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O cemento da entrada e do patio de armas é o símbolo da ignorancia e o desprezo pola cultura e a historia da Xunta de Galicia. Rebeca Blanco Rotea, especialista en Arqueoloxía da Arquitectura, investigadora, membro do Consello da Cultura Galega, manifesta así o que sentiu cando visitou estes días o Castelo: ‘Onte sorprendíame a imaxe do camiño de acceso ó Castelo de Monterrei chairo e cementado. Nese momento asaltábame unha pregunta: que pensarían a cidadanía e os xestores patrimoniais se cementaran e alisaran o acceso ó Hostal dos Reis Católicos?’

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Tristura e rabia é o que sentimos os veciños de Monterrei ante a agresión sufrida a nosa identidade secular, a nosa paisaxe sentimental e material, consecuencia dunha decisión irracional, avalada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A elegante beleza da Torre das Damas estragada co cuberto engadido que sobresae das almeas e rompe radicalmente o perfil da fortaleza, o abandono do entorno inmediato do castelo, coas casas en ruínas e invadido polas herbas e as silvas o espazo entre murallas, e o cemento agochando as pedras e a terra.

Tamén queremos lembrar que hai recursos xudicias sen resolver, que poden ilegalizar o hotel, o que suporá un novo malgasto do diñeiro público.

Pedímoslle ás autoridades que rectifiquen, que escoiten á cidadanía e pensen no ben común, como é a súa obrigación, porque senón, como di Blanco Rotea: ‘Estes cambios pesarannos moito co tempo, tanto como o cemento que levan enriba’.

 

*Adxuntámos ademais as declaracións completas dos expertos Ramón García Gómez (profesor de Dereito Civil na Universidade de Salamanca, avogado, especialista e investigador de fortalezas) e Rebeca Blanco Rotea, especialista en Arqueoloxía da Arquitectura, investigadora, membro do Consello da Cultura Galega dando a súa opinión sobre as obras no Castelo:

Ramón García Gómez (profesor de Dereito Civil na Universidade de Salamanca, avogado, especialista e investigador de fortalezas) “El mayor y más infamante desprecio al Arte y a la Historia». «La salvaje destrucción del Patrimonio histórico de Galicia». Una cosa es clara: estamos ante una de las mayores catástrofes en la Historia del patrimonio en las últimas décadas, alentado por una Administración Pública que, en aras de mercantilizar un bien de interés cultural, abandona sus obligaciones legales, tal y como le recuerda el art. 2 de la Ley 8/1995, de 30 de octubre, de Patrimonio cultural de la Comunidad Autónoma de Galicia, según el cual su objeto es la protección, conservación, acrecentamiento, difusión y fomento del patrimonio cultural de Galicia, así como su investigación y transmisión a generaciones futuras. Ni protección, ni acrecentamiento ni fomento. El cemento de Monterrei es una especie de lápida a mayor gloria de la Xunta y de todos aquellos que están empeñados en hacer desaparecer a Monterrei de la Historia. La mayor barbaridad de los tiempos modernos”

Rebeca Blanco Rotea, especialista en Arqueoloxía da Arquitectura, investigadora, membro do Consello da Cultura Galega: «Onte sorprendíame a imaxe do camiño de acceso ó Castelo de Monterrei chairo e cementado. Nese momento asaltábame unha pregunta: que pensarían a cidadanía e os xestores patrimoniais se lles cementaran e alisaran o acceso ó Hostal dos Reis Católicos? Igual os tacóns o agradecen, pero o patrimonio non. Cada vez esquecemos máis que os monumentos non son iconas illadas na paisaxe, teñen un contexto, as arquitecturas, os camiños, a contorna… forman parte deles. Estes cambios pesarannos moito co tempo, tanto como o cemento que levan enriba.»

lavozlaregionfaropraza

A continuación as ligazóns dos artigos completos: La Voz de Galicia La Región Faro de Vigo Praza pública

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

A PLATAFORMA EXPÓN A PROBLEMÁTICA DO CASTELO NO PARLAMENTO DO POBO

Noa BNG

O pasado 14 de abril, fomos convidados pola deputada Tereixa Paz, en nome do BNG, a participar nun pleno alternativo na rúa, denominado “O Parlamento é do pobo”, en Santiago de Compostela, co que se quería pór de manifesto a falta de escoita e interese do goberno da Xunta de Galicia polos verdadeiros problemas e reclamacións da cidadanía galega que aínda se verá agravada, pola decisión da mesa do Parlamento de recortar as iniciativas que poden ser defendidas en Pleno polos grupos parlamentarios.

Neste acto tivemos a oportunidade de expor unha vez máis a problemática do Castelo de Monterrei, as accións levadas a cabo dende a nosa creación, e as demandas trasladadas á Xunta, das que a día de hoxe aínda non obtivemos resposta.

Participamos cerca de 35 plataformas cidadáns e outros colectivos sociais de sectores como sanidade, ensino, igualdade, xuventude, pensionistas, xustiza, bombeiros, gandería, pesca, montes…con diferentes demandas.
As reivindicacións da nosa Plataforma, ademais de avaladas polo Consello da Cultura Galega e as facultades de Historia das Universidades de Santiago e Vigo, contan tamén co apoio da práctica totalidade dos partidos políticos. Como recordaredes, o pasado 21 de marzo nove partidos políticos (PSdG-PSOE; BNG; EU; ANOVA; AGE; Ciudadanos; CxG; Podemos e ‘Veciños de Monterrei’) asinaron un documento comprometéndose a recuperar o castelo para uso público e cultural. Agardamos que os resultados das seguintes convocatorias electorais permitan que ditas formacións políticas cumpran co seu compromiso.
Queremos agradecerlle a Tereixa Paz o seu interese pola nosa loita e esperamos volver ser convidados a calquera outro acto, organizado por calquer colectivo cidadá e/ou partido político que esté dacordo coa nosa causa, e no que poidamos difundir e explicar as nosas demandas.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario