Manifesto

Manifesto lido na manifestación do día 19/04/2014 da Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei

Chegamos ata aquí porque queremos poñer a primeira pedra para reconstruír o dano que están facendo ó noso castelo, ó noso patrimonio, á nosa dignidade, ás nosas lembranzas no castelo e tamén ós desexos de que os nosos fillos e netos poidan desfrutar dun ben que é de todos e de todas.

 

E nesta reconstrucción que facemos dende a base social da comarca queremos poñer de manifesto que cremos no poder das persoas que se unen cun obxectivo común, porque non é certo que non demos a cara, nin que somos tres ou catro, ni sequera cremos iso de que aquí a xente moito falar pero ninguén fai nada, nin é certo que cada un vai ó seu, nin que é mellor non meterse, nin que non hai solución, nin que isto non hai quen o cambie, nin que ó final farán o que queiran.

 

Queremos continuar orgullosos de ter unha das fortalezas mais grandes e mellor conservadas de galicia e do estado español, e de que se use para fins culturais, de ningunha maneira para uso hoteleiro.

Queremos que se lle dé un uso racional e xusto ós cartos públicos.

 

Queremos un castelo no que os cativos poidan seguir xogando, onde a xente se namore, onde os vellos conten as súas historias…

 

Queremos seguir compartindo orgullosos o noso castelo cos visitantes,

onde os que estamos lembremos ós que xa non están, sabendo que se sentirían orgullosos de que loitemos polo que herdamos deles.

Un castelo que dé a primeira benvida ós que emigraron e volven á terra, que dende quilómetros anuncie que xa están na casa, que tamén é o seu castelo.

Un castelo que sirva para mostrar o valor cultural, histórico e sociolóxico da comarca, e para reforzar o desenvolvemento económico real.

Un castelo que sexa accesible para todo o mundo.

Un castelo que faga honor ó esforzo que a admirable e valente dama Inés de Velasco Tovar fixo no século XVI para mellora-la vida dos habitantes de Monterrei e fomenta-la cultura, chegando incluso a soñar cunha universidade na fortaleza, que hoxe defendemos… Grazas, dona Inés por inspirarnos hoxe na nosa loita!

Queremos un castelo que a partir de agora tamén sexa símbolo dun pobo unido e valente.

Queremos saber o estado real da situación, queremos transparencia sobre os planes para o castelo, con obxectivos, prazos e recursos económicos destinados.

Queremos un proxecto sostible, no que se garanta que os cartos públicos irán destinados para o desenvolvemento do territorio, integrando o patrimonio histórico e cultural nun proxecto global, ofrecendo oportunidades reais de crecemento económico e de emprego.

 

Non aceptamos:

Mentiras , manipulación da información, presións sobre as persoas que non están de acordo co proxecto do hotel, uso de diñeiro público para facer propaganda dun proxecto con clara intención de lucro privado.

Non aceptamos que as obras non se leven a cabo en condicións que non respeten e danen o patrimonio histórico.

Non toleramos que se digan mentiras sobre a plataforma e as persoas que forman parte dela.

 

Creemos:

Creemos que si, que se pode parar este proxecto e levar a cabo unha alternativa coherente e sostible.

Sabemos que esta manifestación é o primeiro paso reivindicativo de acción cívica que damos como plataforma, pero só é un mais, e que o proceso será longo, pero temos moitas forzas!

 

Pensamos que a administración debe escoitarnos: levamos mais de 2.600 sinaturas recollidas por internet e mais de 3.000 en papel, e hai moitas persoas implicadas fora da comarca e moitas fora de Galicia, apoiando na medida do posible á xente que estamos aquí, non estamos solos!

 

Sabemos que o cambio de ampliación de usos para o castelo no documento da cesión de 2010, do Estado á Xunta de Galicia, é inminente, por iso se nos presentan varios retos de maneira inmediata:

 

– seguir aprendendo a funcionar como plataforma, poñendo en valor a idiosincrasia das persoas que conformamos este grupo.

– Seguir facendo a labor de comunicación a tódolos niveis nas comarcas implicadas: co esforzo de todos e todas falamos con moita xente, poidemos escoitar as súas inquedanzas e aclarar as dúbidas que unha política de escurantismo e medo ven xerando dende os inicios das obras.

– Seguir informando cara a cara á xente que está a recibi-la información manipulada

– Seguir implicando nesta causa a mais colectivos sociais, institucionais, técnicos e empresariais

– Seguir traballando nunha alternativa propia de uso do castelo, xunto a outros profesionais cualificados e institucións prestixiosas no ámeto da xestión do patrimonio.

– Seguir incrementando a acción cidadá nas rúas, medios de comunicación e redes sociais e seguir asimesmo coa vía xurídica que xa comezamos cos desperfectos no castelo.

 

Debemos escoitar as diferentes opinións e enriquecer a plataforma cos argumentos de todas e cada unha das persoas que queren un castelo público.

 

Que se nos escoite dende a administración: queremos ser interlocutores dos que deciden sobre o noso futuro e que se teña en conta o sentir do pobo.

 

Seguiremos fortalecendo e consolidando a plataforma cidadá en defensa do castelo, traballando firmes como ata agora de maneira solidaria e comprometida cun obxectivo claro e común, o obxectivo que hoxe berramos ben alto:

 

NON QUEREMOS HOTEL NO CASTELO! EU NON QUERO HOTEL NO CASTELO!

manifestación

 

Una respuesta a Manifesto

  1. SISCU RAXOI FERNÁNDEZ dijo:

    Estamos unidos por un BEN COMUN
    CASTELO DE MONTERREI DU POBO.

Deja un comentario